Documentación acreditativa da identidade:
Documento que acredite a identidade da persoa (DNI, NIE, pasaporte...); deberá presentarse o documento orixinal en vigor.
Documentación acreditativa do domicilio de residencia:
Título que lexitime a ocupación da vivenda ou documento análogo. Este título pode ser:
-Título de propiedade: escritura de compravenda, nota simple do Rexistro da Propiedade recente, último recibo do IBIU etc.
-Contrato vixente de arrendamento de vivenda para uso como residencia habitual, con duración superior a 6 meses, acompañado do último recibo de alugueiro.
-Última factura de subministración, auga, gas ou electricidade ou fibra de datos, na que o solicitante ou o autorizante sexa titular da subministración e sempre que na factura aparezan diferenciadas os enderezos de notificación e subministración, en caso de nova alta será válido tamén o contrato de subministración.
No caso especial de estar a solicitar o empadroamento nun domicilio no que xa constan empadroadas outras persoas, o solicitante requirirá a autorización dunha persoa maior de idade que figure empadroada nese domicilio, a cal deberá dispoñer dalgún título ao seu nome acreditativo da posesión efectiva da vivenda (propiedade, alugueiro...). Será preciso achegar o seu documento de identidade orixinal.
Se o solicitante non posúe documentación, ao seu nome, acreditativa da propiedade ou alugueiro da vivenda na que se queren empadroar, requirirá autorización do titular da mesma, así como a achega do seu documento de identidade orixinal.
Consulte nas nosas oficinas a forma de autorizar o empadroamento.
Documentación acreditativa do parentesco/representación. En caso de menores de idade:
Menor que se empadroa con ambos os proxenitores:
Certificado de nacemento ou Libro de familia, orixinal.
Menor que se empadroa cun só dos proxenitores:
Cando hai resolución xudicial (garda e custodia) e ambos comparten patria potestade:
Certificado de nacemento ou Libro de familia, orixinal. Resolución xudicial que se pronuncie sobre a garda e custodia do menor ou da menor, orixinal. Autorización do outro proxenitor ou autorización xudicial, en virtude do art. 154 do Código Civil, para o cambio de domicilio ou residencia. Excepcionalmente, en determinados supostos, declaración responsable xustificando a imposibilidade de dispoñer da sinatura do outro proxenitor, modelo que lle será facilitado nas oficinas de padrón.
Cando a garda e custodia é compartida:
Se a sentenza non se pronuncia sobre o lugar de empadroamento, requirirase autorización de ambos os proxenitores ou unha resolución xudicial que se pronuncie expresamente sobre o empadroamento.
Se non existe resolución xudicial (garda e custodia):
Certificado de nacemento ou Libro de familia, orixinal.
Autorización do outro proxenitor ou autorización xudicial.
Excepcionalmente, en determinados supostos, declaración responsable xustificando a imposibilidade de dispoñer da sinatura do outro proxenitor.
Menor que se empadroa con persoas diferentes aos seus proxenitores: autorización de ambos os proxenitores ou dun deles segundo proceda. En caso de tutela ou acollemento, resolución xudicial ou administrativa, onde se estableza.
Consulte nas nosas oficinas a forma de autorizar o empadroamento.
En caso de rectificación ou modificación de datos persoais, documento acreditativo do dato correcto.
O Concello da Coruña pon a disposición das súas veciñas e veciños a posibilidade de efectuar os seguintes trámites relativos ao Padrón de Habitantes de forma telemática.
Modificar os datos que constan no Padrón
Mediante este trámite poderás poñer en coñecemento do concello calquera modificación dos datos persoais que constan no Padrón; sería o caso por exemplo dun cambio no documento de identificación, nome, apelidos, data de nacemento, sexo ou nivel de estudos.
Alta por nacemento
O Instituto Nacional de Estatística (INE) comunícalle periodicamente ao concello a información das persoas nacidas nel, que se incorporan ao padrón de oficio, sen intervención das persoas interesadas. Se por algún motivo necesitas que o teu fillo ou filla recentemente nado se empadroe contigo urxentemente, sen esperar á comunicación do INE, aquí poderás facelo de forma telemática.
Baixa por defunción
O Instituto Nacional de Estatística (INE) comunícalle periodicamente ao concello esta información, que se incorpora ao padrón de oficio, sen intervención das persoas interesadas. Se por algún motivo necesitas que o padrón rexistre unha baixa por falecemento, sen esperar á comunicación do INE, aquí poderás facelo de forma telemática.
Renovación de empadroamento e confirmación de residencia para persoas estranxeiras
Mediante este trámite, as persoas estranxeiras que cumpran certos requisitos poderán confirmar a súa inscrición no Padrón de habitantes contestando á petición que recibirán do concello.
Certificados de empadroamento sen DNI electrónico ou certificación dixital
Mediante esta opción poderán solicitarse certificados de empadroamento que serán remitidos por correo postal ao domicilio onde a persoa solicitante estea empadroada, coa condición de que esta persoa estea actualmente empadroada no Concello da Coruña.
Certificados de empadroamento con DNI electrónico ou certificación dixital
Mediante esta opción, tras validar o seu certificado electrónico, accederá ao servizo de obtención de certificados de empadroamento.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible