3 de novembro de 2025
"Humildade e traballo. Encontro con Bebeto" permitirá a 400 escolares de centros públicos da cidade abordar, da man da lenda do Deportivo, a importancia de aspectos como a solidariedade, o compañeirismo e a superación.
| Inscrición pechada por alcanzarse o número máximo de solicitudes |
|---|
O Concello da Coruña, a través do Servizo de Educación, organizará o próximo día 27 de novembro unha charla-coloquio con Bebeto, ex xogador do Deportivo, orientada a escolares de entre 11 e 14 anos, na que abordará, baixo o título "Humildade e traballo. Encontro con Bebeto", a importancia de aspectos como a solidariedade, o compañeirismo e a superación.
A actividade pretende trasladar a importancia dos valores que transmite o deporte e a súa aplicación na vida cotiá. Para iso contarase cunha figura de referencia do mundo do fútbol, especialmente atractiva para o alumnado da cidade, tendo en conta que José Roberto Gama de Oliveira, máis coñecido como Bebeto, foi unha das figuras principais do denominado Súperdepor e é por tanto un personaxe de referencia non só na recente historia deportiva da Coruña senón tamén na vida social e colectiva da cidade.
A participación nesta actividade, que se desenvolverá o día 27 de novembro no centro cultural Ágora, en horario de 10 a 12 horas, será gratuíta, aínda que será imprescindible inscribirse a través dunha ficha específica á que se pode acceder na seguinte ligazón: ligazón á ficha de inscrición.
Debido ao aforamento do Ágora, a asistencia determinarase por orde de inscrición, cun máximo de 400 prazas, estando limitada a participación a escolares de 5 º e 6º de Primaria e de 1º, 2º e 3º da ESO de centros públicos da cidade. O Servizo de Educación facilitará a participación poñendo a disposición dos centros autobuses gratuítos, con horario de recollida do alumnado ás 9.30 e regreso ao centro a partir das 12 horas.
O alumnado asistente terá tamén a oportunidade de recibir un exemplar do libro "Bebeto, o home que arrolou o gol", escrito polo xornalista Alex Centeo, e fotografarse co ex xogador do Deportivo, para o que será necesario que dispoñan da correspondente autorización para a cesión da imaxe.
Aspectos a ter en conta
Destinatarios: alumnado de 5º e 6º de EP e 1º, 2º e 3º de ESO de centros públicos da cidade.
Cando: xoves 27 de novembro de 2025.
Horario: de 10:00 a 12:00 horas.
Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora
Inscrición: Desde o 4 de novembro ás 09:00 horas e a través da seguinte ligazón: acceso á ficha de inscrición. La asistencia será determinada por orde de inscrición, cun máximo de 400 prazas.
Contacto
Servizo Municipal de Educación
Tlf. 981 184 200 (ext. 10179)
Novas relacionadas
Actividades relacionadas
Entidades
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible